A producción dos albardeiros consiste en cabezados, estribos, alforxas… para a protección do animal e a suxección do xugo. As ferramentas dos albardeiros son similares ás dos zapateiros, entre elas atopamos as coitelas, troquesos, tesoiras, subelas, agullas, martelos, etc; destacando como exclusivas deste oficio a agulla de albardeiro, a tenaza de madeira e o dedal de manopla.
Os albardeiros non empregan soamente o coiro para as súas obras senón tamén a arpilleira.
A Albarda é unha peza ou aparello almofadado de pé redondo que consiste nun coxín cheo de palla, borra outros materiais que levan as bestas de carga, colocada no seu lombo e cinguida ó ventre por unhas correas ou cinchas.
A albarda faise de tea de saco ou arpilleira hoxe en día; aínda que non hai moito tempo facíase con estopa tecida; énchese de palla ou sedas e pónselle uns paos polo medio chamados fueiros, para lle dar consistencia e que as veces saía por detrás.
Logo cóbrese totalmente, ou en parte, con coiro que se pode adornar con estrelas feitas con fío de lá vermello, axul ou verde.
Dúas pezas máis completan a albarda: a retronca e a cincha; a retronca ou atafal é un conxunto de correas de coiro para que a albarda se vexa para adiante, e a cincha é unha banda de coiro de lenzo forte que suxeita a albarda pasando ó redor dela e do animal.
O oficio de albardeiro ten unha longa tradición na nosa Vila chegando a ser punto de referencia de toda a provincia con numerosos talleres funcionando e abastecendo a tódolos cabalos e eguas coas súas albardas e demáis aparellos.
Na actualidade, contamos con tres talleres que se adican a facer albardas por encargo, para os clubes hípicos ou persoas particulares con cabalos, aínda que a maior parte da súa producción está adicada a pequenos traballos en coiro meramente decorativos: cinturóns, chaveiros, correas, pendentes, axendas, bolsos, etc…
Os albardeiros forman parte da nosa cultura máis tradicional sendo un dos oficios máis característicos da nosa comarca, por isto é necesario coidar e manter adoptando estas tarefas á actualidade o oficio de albardeiro.