Saltar navegación
Escudo do Concello de Maceda
Fotografías do Concello de Maceda
Maceda Medieval

Turismo >> O Entroido

O FELO

Historia sobre "O Felo" figura típica do Concello de Maceda.

A festa ritual do Entroido galego ten personalidade propia. O rural de Ourense peculiaridades moi definidas. O felo de Maceda ensámblase –aínda que con elementos externos deferenciados- coa indumentaria convencional dos Peliqueiros de Laza e os Cigarróns de Verín. Calcetíns de lá brancos, medias negras, ringleiras de borlas de distintas cores, colcha con fraques claros arredor do van, rabo de zorro no alto da mitra, colares varios e caiado como arma intimidatorio, conforman ás súas particularidades iconográficas; máis primitivas e masculinizadas na parte inferior cás do tronco común. O canónico aconsella pintar na mitra animais ou aves rapaces da Serra de San Mamede e non fauna nin motivos alleos.

As Orixes da máscara remóntana algunhas fontes ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, totems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación. Outras deixano nas hedonistas da Roma Imperial. Os medievalistas, na época dos bufóns e dos impostor feudais arredor dos castelos. Reminiscencias precistiáns; culto ó viño e ó pracer; connotacións sociais e religiosas do medievo. Entre todas –intuímos- modelaron o fenómeno.

O termo Felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara. Semánticamente a verba germánica (fillón) indica que pode azoutar. Felón e felonía vincállase coa rebelión do vasalo contra o señor feudal. Maceda asenta bastión fortificado dende o século XII.

Denantes da II República saían os Felos illadamente ó comezo do ano dende as aldeas do val e da serra. Logo instauraron o Domingo Fareleiro (enfouzaban con farelos ós viandantes), o Domingo Corredoiro (tinguían á xente cunha bola de ferruxe dos potes e tinta dunha barreira) e o sábado, domingo e martes de Entroido. Dezasete días de transmutación de valores na bisbarra de Maceda onde a gastronomía tamén conta: O domingo de Entroido, cachucha, rabo, unllas, chourizos, grelos, garavanzos, patacas e tintos espesos do país, preferentemente en xerras e cunhas de barro de Tioira ou Niñodaguia. O martes, cabrito ó forno con patacas. De postre orellas ou filloas con mel.

Pululaban os Felos a pé divertíndose de aldea en aldea. O son provocativo das chocas disuadía ós lobos nas perigosas noites de invernía. Logo invadían a vila e non se afastaban da zona. Bebían ovos con viño para soportar o inmenso desgaste físico. Non pedían diñeiro. Tampouco destapaban a carauta diante da xente. Perseguían ós que se metían con eles. As mulleres chacoteábanos. Faldriqueaban con elas co caiado nun flitreo complice xeralmente admitido. Lucían traxe os solteiros. Algúns pasaban máis dunha semana disfrazados día e noite polas aldeas. Dormían nas palleiras. Só demandaban comida e bebida nas casas para continuar o trouleo.

A máscara –de sorriso retranqueiro- representa a virilidade máis fidedigna. O Felo da medo. Pódeselle insultar. Endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta. Transgredí as normas. É a autoridade nestas datas. Seu espiritó anárquico e rebelde estase modificando. Hogano confórmanse en grupos. Os cativos da vila tamén. Incorporáronse na década pasada. Algúns sitúanse estratégicamente nas entradas de Maceda. Intimidan ós que entran e saen nos coches para que lles solten cartos. Descúbranse. Introducen outros costumes. Novos tempos que –nalgúns xestos- colisionan coa tradición.

SANTIAGO PROL

By Abertal
CONCELLO DE MACEDA tlfn: 988 463 001